Laxosa 0 - Santa Comba 2
01.11.2009 22:23
O Sta. Comba suma a cuarta victoria como visitante ao impoñerse ó CD Laxosa por 0-2, o que lle permite seguir a estela dos primeiros clasificados do grupo 7º da 2ª Autonómica.
O choque foi competido e difícil de xogar polas dimensións do campo e porque diante había un rival ordenado cun adestrador, Javi Picos, que coñece ben as virtudes do xogo dun Sta. Comba que, pola súa banda, entrou dubitativo no partido, como se lle custara adaptarse ó piso mollado do Municipal, fallando rexeites fáciles e sen ter claro se había que tocala ou xogar en longo cos dianteiros. Non houbo moitas ocasións claras na primeira media hora, sinalar só unha saída de Pedro que derrubou a Iván cando xa o tiña sobrepasado e que lle custou cartón amarelo. Pasado o minuto 30 chegaría o 0-1, un auténtico golazo de Iván que superou por arriba a un adiantado Pedro.Na seguinte xogada o Sta. Comba tivo o 0-2 pero Diego rematou fóra en inmellorable posición.
Na segunda metade o Sta. Comba por medio de Pablo, Iván e Marcos tivo boas opcións de aumentar o marcador e tamén o local Bruno nun man a man con Óscar.Un penalti cometido por Gil sobre Joaquín “fóra de cámara”, cando o balón estaba noutro lado, foi aproveitado por Adrián para poñer o 0-2. A partir de aí o cadro local tería os mellores minutos xa que, sen nada que perder, meteulle outra marcha ó xogo e puxo en apuros a un moi acertado Óscar. Non se repetíu a historia do Taboada e o Sta. Comba sumou tres novos puntos, polo que conta todas as saídas por victorias.
Para o vindeiro domingo novo desprazamento, esta vez a Palas, contra un conxunto que chegará moi reforzado despois de gañarlle ó Polvorín. O Laxosa, pola súa banda, deberá empezar a sumar de tres en tres se quere separarse dos postos de descenso, para o que deberá ter máis acerto arriba, tanto a balón parado como en accións de xogo, xa que, en partidos coma os de hoxe, a pegada é a que decide o gañador.
Non quero rematar sen facer unha crítica, con ánimo de mellorar, referida a certos aspectos do xogo do Sta. Comba que cómpre aclarar: cando debemos xogar en curto e cando temos que facer xogo directo, se sacamos os fóras de banda para regalarlle contras ós contrarios ou para outra cousa, se collemos ben certas zonas de rexeites para non dar segundas xogadas ós contrarios, etc. Son pequenos detalles que, sumados, poden decidir un partido.
———
Volver