SDC San Roque 3 - SCD Santa Comba 5

18.10.2009 14:26

Ríchard

3 victoria consecutiva fóra da casa

 

O Sta. Comba suma a súa terceira victoria a domicilio ao impoñerse no campo do Polvorín por un contundente 3-5 ao San Roque, nun partido no que amosou unha enorme pegada diante dun rival mermado a nivel defensivo.

 

Nin tres penaltis en contra, nin un gol anulado que pareceu legal puideron frear o acerto cara o gol do cadro de Xaime, personificado no dianteiro Diego, con tres dianas. Sen embargo, o Sta. Comba tivo que sufrir nos primeiros 30 minutos o acoso dos locais, que gozaron dunha moi boa ocasión nun lanzamento ao pao de Juan, aínda que Diego tamén fixera lucirse a Alberto nos primeiros minutos. Malos rexeites, faltas innecesarias e precipitación nas entregas foron o denominador común do xogo visitante, o que ocasionou que a pelota rondara con perigo o marco de Óscar. A situación cambiou no minuto 35 cando Diego adiantaba ao Sta. Comba, que pouco despois vería un gol anulado por máis que discutible fóra de xogo.

 

Na reanudación Iván e Diego colocaron un 0-3 que parecía deixar visto para sentenza o choque, pero claro, non se contaba co festival de penaltis que ía ofrecer Fraga Torres. Dous seguidos para que Rodrigo e Castro recortaran distancias con moito tempo por diante e un Sta. Comba agobiado sen saber como parar o partido. Pero de novo a solución estaba arriba, xa que unha magnífica xogada á contra con toques de Lucas, Diego e Iván foi aproveitada por Pablo para poñer un tranquilizador 2-4, que redondeaba Diego no minuto 80 ao aproveitar a prolongación dunha falta. Con 2-5 parecía todo resolto pero faltaba outra guinda do colexiado, o terceiro penalti favorable aos locais coa conseguinte expulsión de Leandro e o definitivo 3-5.

 

Como valoración do encontro resaltar o acerto rematador do Sta. Comba, que, co marcador favorable foi capaz de trenzar boas xogadas. Non se debe esquecer que, por momentos, se perdeu o control do xogo, que non se soubo dormir o partido co marcador a favor, que se fallaron moitos rexeites (o que propiciou moitos saques de banda, de curruncho e de faltas para os locais) e que se perdeu algún que outro balón en zonas moi comprometidas. Con todo, o rendemento a domicilio mantén arriba ao cadro de Tras do Novo, con tres victorias en tres saídas, coa pega de que como locais aínda non se gañou no que vai de tempada, do que se pode deducir que o equipo está máis cómodo cando xoga á contra que cando ten que levar a iniciativa o xogo.

Para a vindeira xornada chega o Taboada, seguro que outro óso duro de roer.

 

Volver