Club Arenas 1 - SCD Santa Comba

15.03.2010 13:51

A SCD Santa Comba vence ás adversidades e volve con 3 puntos moi importantes

 

O Sta. Comba colleitou unha importante victoria ó impoñerse por 1-2 ó CD Arenas no novo Luís Bodegas de Monforte, onde se presentou con só once efectivos para disputar o encontro debido as numerosas baixas, tendo que actuar como xogador de campo o porteiro Mera, o cal axudou ó equipo dun xeito notable durante os noventa minutos. O cadro de Xaime remontou o madrugador gol do local Dani na segunda metade, beneficiado pola expulsión dese mesmo xogador e pola superioridade que amosou a nivel físico.

A crónica do encontro queda ben resumida co reconto das ocasións dun e outro equipo. O gol do Arenas está precedido dun balón que perde Cupeiro no medio campo, o que propicia que Dani atope un auténtico pasillo polo medio da defensa do Sta. Comba que lle permite superar a Óscar de tiro raso e cruzado no minuto 6. No 13 Emilio fallaría unha clamorosa ocasión (idéntica a do gol de Paradela) tras un centro de Asier previo pase de Mera. No 26 é Moncho quen saca baixo paos con Óscar batido e no 40 Emilio remata alto en boa posición. Co 1-0 chégase ó descanso.

Na reanudación ós locais terían dúas boas ocasións nos primeiros minutos, cun tiro ó longueiro incluído. A partir de aí o Sta. Comba empeza a dominar e a acercarse con perigo ós dominios de Antonio, que se anticipa a Asier no primeiro aviso. No minuto 70 o local Dani ve o segundo cartón amarelo por obstaculizar o saque de Óscar, coa conseguinte expulsión. Coa superioridade numérica, Xaime move ficha e deixa só tres defensas, por outra banda o cadro local acusa en exceso o desgaste físico e Asier e Marcos son donos das bandas. Froito de todo elo chega o empate conseguido por Moncho ó aproveitar a prolongación dun saque de banda. Da celebración do gol, mellor non dicir nada, só que fixo uns cantos “amigos” máis polas gradas do Luís Bodegas . Case foi unha sorte que non lle entrara un remate de “chilena” que estrelou no longueiro, non me quero imaxinar o que podería pasar se marcase. Con todo, houbo que esperar ó minuto 87 para que Pupus, en adiante “o executor”, aproveitara un balón no segundo pao para anotar o gol do triunfo con toda a tranquilidade que o caracteriza. Nos últimos minutos, incapaces de afastar o balón dos dominios de Óscar e concedendo faltas innecesarias, o Sta. Comba sufríu un innecesario agobio que lle puido costar o empate. Non foi así e sumáronse tres puntos moi valiosos.

Sinalar tamén que na entrada ós vestiarios houbo unhas palabriñas entre varios integrantes dos dous equipos que non chegaron a maiores. En canto a actuación da colexiada Soledad Fernández, destacar que non se deixou influenciar pola presión dos xogadores e público local e, aínda que con algún erro (bastantes menos que os de Mejuto no Valladolid – R. Madrid),  sacou adiante o partido.

Para rematar, engadir que esta é unha victoria importante polas circunstancias nas que se afrontou o partido, aínda que non sexa diante dun rival de moita entidade. No apartado individual, destacar o magnífico partido de Asier  no apartado ofensivo, cun Marcos que non lle foi a zaga, e a sorprendente aportación de Mera, dentro da entrega de todo o equipo co capi outra vez en plan goleador. Ah, noraboa a Pupus polo seu goliño.

Con estes tres puntos esperaremos con máis tranquilidade á “oitogoleadora” Resi.

Volver