CP Calasancio 4 - SCD Santa Comba 2

24.01.2010 21:20

A S.C.D. Santa Comba desperdicia 2 goles de vantaxe na casa do líder

 

Ríchard

O Calasancio suma unha nova victoria ó impoñerse ó Sta. Comba por 4-2 no campo dos Escolapios de Monforte e camiña con paso seguro cara o seu segundo ascenso consecutivo de categoría manténdose, ademais, como o único equipo invicto do grupo 7º de 2ª Autonómica. Pola súa banda, o Sta. Comba volve a caer nunha espiral de resultados negativos, froito do seu xogo irregular, que lle impiden avanzar postos na táboa clasificatoria.

O partido de hoxe non deixa de ser unha proba do antes comentado. Nin cun 0-2 favorable  no minuto 15 foi quen o equipo de Xaime de manter o resultado ou, polo menos, de sumar un punto. Un sensacional pase de Marcos a Diego púxolle a este en bandexa o primeiro gol. Pouco despois Iván intercepta un balón e preséntase só nos dominios de Iago para superalo cun forte disparo. Moita avantaxe con moito partido por diante, no que tocaba xuntar filas e esperar ó rival, pero a primeira billa abríuna o colexiado ó sinalar un moi dubidoso penalti favorable ós locais no minuto 45, que foi transformado por Borja. Dese xeito os locais collían pulo para a segunda metade e o Sta. Comba encaixaba un duro golpe moral co que se ía ós vestiarios.

Na reanudación o Calasancio impuxo totalmente o seu fútbol de toque, abrindo o xogo polas bandas, de forma que os xogadores do Sta. Comba eran incapaces de bascular con prontitude para poder presionar sobre o contario que tiña a posesión. Se a eso unimos a calidade individual dos locais e certos erros de rexeite e de colocación, a remontada estaba servida. Ío aproveitou unha deixada na área para empatar e, en pleno desconcerto do Sta. Comba, Moncho desvíou a gol un balón sen aparente perigo que poñía os do Cabe por diante. Ío, outra vez, pechou o marcador ó culminar unha excelente xogada do seu equipo no minuto 80.

Está claro que o líder é un equipo moi traballado e cun grupo de bos xogadores. Aínda que non sempre dispoña de tantos efectivos o plantel que hoxe puxo en liza Cabanelas ten calidade de sobra para alcanzar o ascenso. Dinámicos, fortes nas disputas, rápidos e coas ideas moi claras en canto ó xogo a desenvolver. Un pensa que lles restan poucas xornadas para dar o salto de categoría e vendos xogar enténdese por que levan tanto tempo sen perder e a importancia que ten a escola de fútbol na que se formaron a maioría deles.

O Sta. Comba mantén a súa liña irregular e de pouca ou nula capacidade de reacción. Nin cun marcador tan favorable se vía a gusto. Hoxe en día é un equipo que non cre no que fai e sen confianza nas propias posibilidades.

 Á volta da esquina chega outro “coco”, o Monterroso, outro claro aspirante ó ascenso.

Volver