Empate agridoce na volta das vacacións
03.01.2010 23:55A S.C.D.Santa Comba abre o 2010 cun empate no partido aprazado
Ríchard
En partido atrasado correspondente a decimoterceira xornada, S. Lázaro e Sta. Comba firmaron táboas no campo da Ponte, un resultado que debe de deixar mellor sabor de boca no equipo local que no visitante, que dispuxo de boas ocasións para desnivelar o marcador e sumar os tres puntos, pero a pólvora parece que quedou mollada despois da paréntese do Nadal.
O Sta. Comba volveu a disputar un bo encontro e seu foi o control do xogo durante moitos minutos, de xeito que o S. Lázaro só foi quen de inquietar a Óscar a balón parado. Nos primeiros minutos Iván dispuxo dunha clara ocasión, pero Fresi sacou unha boa man para deter o balón na liña de gol. A resposta do S. Lázaro estivo nunha falta botada por Alberto e o rexeite de Óscar mandouno Jordi ás nubes. Na segunda metade proliferaron as oportunidades para o cadro de Xaime. Diego, con Fresi xa rebasado, Pablo, de tiro cruzado, Adrián, de chilena, Moncho, de cabeza, puideron adiantar ó Sta. Comba, pero parece que non era un día de acerto cara o gol. Pola súa banda o S. Lázaro rematou á parte superior do longueiro de Óscar en dous saques de falta.
Os últimos minutos foron un pouco máis descontrolados polos cambios e as gañas de marcar dos dous equipos. Ó final, reparto de puntos que se pode dar por bo, xa que o da Ponte non é un campo fácil para puntuar
O Sta. Comba suma 23 puntos ó remate da primeira volta e deixa boas sensacións nos dous últimos encontros disputados. Está claro que, de seguir nesta liña de xogo, pode mellorar esta marca na segunda volta.
O vindeiro domingo espera outro difícil rival, o Polvorín, para abrir a segunda volta.
———
Volver