palas 2 - santa comba 1
08.11.2009 21:25
Ríchard
O Sta. Comba colleitou a primeira derrota como visitante no que vai de tempada ao perder en Palas por 2-1, nun campo no que, sen ir máis lonxe, xa encaixou un contundente 4-1 na anterior visita.
Nunha análise superficial do encontro poderiamos argumentar aquelo tan socorrido de que o que perdoa perde: o Sta. Comba fallou defensivamente e encaixou dous goles e, das múltiples ocasións das que dispuxo, só acertou unha. Ata aí pode valer a explicación pero un, a título persoal, pode tratar de buscar as causas noutros aspectos do xogo, aqueles que conforman o estilo dun equipo. Non pega coa tan cacarexada boa forma física do equipo que certas accións de xogo se fagan cunha lentitude exasperante. Repregues, incorporacións ao ataque, coberturas, desmarques, apoios…execútanse a baixo ritmo e eso propicia que nos leven balóns os dianteiros contrarios (penalti, primeiro gol encaixado…) ou ben que sempre cheguemos un segundo tarde aos remates e se perdan as ocasións. E a nivel posicional, máis do mesmo, o saque do porteiro contrario que sobrepasa aos medios, rexeites aos que non chegamos e, sobre todo, a distancia entre liñas que case nunca equilibramos. E si, esta é unha crítica provocadora, que busca reaccións, sempre con ánimo de mellorar e non de fastidiar, porque un está convencido de que, na corrección ou non destas cousiñas, nos xogamos ser un equipo competitivo e con aspiracións ou, pola outra banda, ser o típico grupo que andará dando tumbos toda a tempada perdido polo medio da táboa.
E sí houbo partido. O Sta. Comba saíu cun once moi ofensivo, sen embargo dous desaxustes defensivos deron lugar a un penalti en contra, que Óscar lle parou a Chorén, e ao primer gol local conseguido polo mesmo Chorén. O Sta. Comba empatou nunha xogada na que Pablo roubou un balón que terminou dándolle a Diego para que anotara o empate. Salientar que o que hoxe voltou a correr Pablito non está nos escritos.
A segunda metade empezou igualada, con certo dominio local, pero as primeiras ocasións foron para os visitantes, con Diego como protagonista. Ata que, noutro regalo defensivo, Óscar adiantou ao Palas outra vez. A partir de aí o Sta. Comba botouse cara arriba e dispuxo de boas ocasións para empatar, pero a falta de puntería e as boas intervencións do porteiro local Rubén, fixeron que o marcador xa non se movese. Nos minutos finais, con Sta. Comba moi adiantado, o Palas armou contras perigosas, case todas levadas por ese moi bo xogador que é Chorén.
Para a vindeira xornada visita Tras do Novo o CD Arenas, sen dúbida un rival axeitado para esquecer esta nova derrota.
PD: Un saúdo ao xogador local Koeman, que colaborou con este humilde cronista facilitándolle a aliñación do Palas.
———
Volver