Santa Comba 2 - A Barrela 2

17.01.2010 22:56

Desastre na casa ante o colista nun pésimo encontro dos locais

Ríchard

O Sta. Comba perdeu unha boa ocasión de achegarse ós postos de arriba ó non pasar do empate (2-2) diante da Barrela CF, equipo que ocupa o último posto na clasificación.

Pese a facer un mal partido, o equipo que adestra Xaime tivo ocasións dabondo para sumar os tres puntos, pero só logrou marcar en sendos penaltis, discutidos e discutibles, transformados por Adrián, aínda que o máis claro, cometido sobre Lucas, quedou sen sinalar. Pola súa banda, o cadro visitante fíxose merecedor do empate porque en moitos momentos superou a un deslabazado cadro local que voltou a amosar a imaxe de equipo dubitativo e sen ideas de encontros anteriores.

Adiantou Adrián de penalti ó Sta. Comba no minuto 36 e empatou Panucci para os visitante no 45, ó aproveitar un balón perdido polos locais e superar por arriba a un adiantazo Óscar. Na xogada previa, entre Joaquín e Diego estragaron unha clarísima ocasión de gol, polo que do dous a cero pasouse ó empate co que se chegou ó descanso.

Na reanudación Pupín aproveitou un balón solto tras un rexeite de Óscar e o conseguinte rebote para adiantar á Barrela. Adrían empatou no 53 ó transformar outro penalti cometido sobre Manu. Quedaba tempo para remontar pero está claro que a pólvora está mollada e non houbo maneira. E do mal, o menos, porque os visitantes tamén se achegaron con frecuencia polos dominios de Óscar e xa se sabe que o que perdoa acaba perdendo.

Resumindo, que toca ser críticos de novo co xogo do equipo e, sobre todo, destacar certa sensación de impotencia que se desprende tralo visto hoxe sobre o embarrado campo de Tras do Novo. Parece como se os xogadores do Sta. Comba tiveran demasiadas dificultades para executar as accións máis sinxelas do xogo aínda en situacións de avantaxe, da a sensación de que, para este equipo, xogar ó fútbol supón un esforzo de titáns. Todo eso sumado coas ocasións de gol que non se aproveitan e que están privando ó equipo de sumar moitos puntos.

Domingo toca visita ó Calasancio, un equipo que non perdeu en todo o 2009 nin no que vai de 2010. Será motivación suficiente? Veremos

 

 

Volver