SCD Santa Comba 3 - SDC Residencia 1

21.03.2010 12:02

A SCD Santa Comba vence no diluvio

 

Clara victoria do Sta. Comba que superou á Residencia por 3-1 no embarrado campo de Tras do Novo. Os locais superaron o gol visitante porque tiveron poder de reacción para empatar antes de descanso e foron capaces de adaptar mellor o seu xogo á pesadez do campo, ó que hai que sumar a súa superioridade física no tramo final do encontro e a boa disposición defensiva que deixou a Óscar inédito na última media hora.

O partido empezou igual que o día, coas defensas facendo augas. Cada vez que o Sta. Comba enlazaba cos puntas a defensa visitante, escasa de contundencia,  desfacíase e aparecían camiños para acercarse ós dominios de Manuel. Cada saque do porteiro visitante en longo era un martirio para a  defensa local, e así chegou o gol de Michu: saque en longo de Manuel  que sobrepasa á defensa, Óscar non logra reter o balón e o dianteiro marca a porta baldeira no minuto 16. Antes, no 5, a Residencia xa avisara nunha contra a saída dun córner favorable ós locais. Nestes primeiros minutos parecía que os visitantes tiñan un maior control no medio campo pero o gol en contra non lle sentou mal a un Sta. Comba que a balón parado e polas bandas rondaba o empate. Nunha xogada pola esquerda Pablo entrou libre de marca e, de tiro cruzado, poñía a igualada no minuto 26 e iniciaba o seu recital de goles. Un minuto antes Emilio estragaría a mellor ocasión do partido ó non ser capaz de empurrar a un metro da liña un balón que Manuel non rexeitou ben tras unha falta lanzada por Pablo. Negado cara o gol e pouco activo nas disputas Emilio é, sen embargo, un dianteiro cunha correcta mobilidade en canto a apoios e desmarques, o que favorece moito máis do que parece o xogo do equipo polas bandas, e xa sei que esta é unha opinión que vai ser bastante controvertida.

A segunda metade empezou cun maior dominio local ata que no minuto 61 Lucas foi obxecto dun dubidoso penalti que Pablo transformou no 2-1. Poucos minutos despois, Pablo, outra vez, colaba pola  escadra esquerda de Manuel o que sería o definitivo 3-1. A partir de aí o Sta. Comba non cometeu os erros de xornadas anteriores e Óscar non pasou por sobresaltos.

Cos tres puntos conseguidos hoxe o Sta. Comba debería espantar para o que queda de liga os fantasmas da incertidumbre. Tres puntos cos que se escalan posicións na táboa cunha xornada extra aínda na recámara.

Para rematar destacar, dentro do bo nivel de todo o equipo,  o acerto realizador de López, González ou, para entendernos, Numantino. En caso de apuro xa sabemos que facer…. Se ve que o descanso lle sentou ben.

Volver