SD MONTERROSO 0 - SCD SANTA COMBA 1
04.10.2009 21:27Ríchard
Valiosa e merecida victoria do Sta. Comba na súa visita ao campo de Cerdeiriños diante do Monterroso, un dos equipos chamados ao ascenso, nun partido no que foi capaz de sufrir defensivamente diante do acoso dos locais para facer valer o gol de Joaquín no min. 20 de partido.
A clave do encontro foron os primeiros 15 minutos de xogo nos que o Sta. Comba foi quen de impoñer o estilo de xogo que lle conviña, o dun equipo repregado no propio campo que non deixa espazos para que o rival toque con profundidade, de aí que o xogo dos locais se quedara en pases horizontais con moi poucas aproximacións perigosas aos dominios dun seguro Óscar. Este foi o patrón da primeira metade, que non cambiou moito despois de que Joaquín aproveitará un balón solto no segundo pao para batir a Roi. Dúas chegadas de Pablo e outra de Asier pola súa banda, na que se enredou despois de regatear ao porteiro, un tiro do local Rubén e un centro que non atopou rematador foron as accións máis salientables antes do descanso.
Na reanudación, o Monterroso saíu máis incisivo e Óscar tivo que empregarse a fondo nunha falta sacada por Barrio. Pouco despois Moncho desviaría coa cabeza un balón que se colaba. Pouco a pouco o Sta. Comba ía espelíndose o dominio local e creando perigo. Así Joaquín, de falta, fixo lucirse a Roi, que pouco despois resolvería un man a man con Marcos. Os locais insistiron ata o final pero a defensa visitante amosouse firme ata o pitido final, que chegou con 5 minutos de desconto.
O cadro de Xaime (hoxe con Tolín no banquiño) suma 8 puntos e non coñece a derrota despois de enfrontarse a Polvorín, Calasancio e Monterroso, tres equipos que seguro estarán no grupo de cabeza. Non queda máis que facer unha valoración positiva desta catro primeiras xornadas. Pola súa banda o Monterroso, un equipo de mois bos xogadores, non amosou un ritmo de xogo demasiado alto, aínda que hai que recoñecer que lle faltaba algún xogador importante, entre eles os goleadores Fente e Guerreiro.
Non quixera rematar sen destacar, dentro do excelente nivel de todo o equipo liña por liña, a labor defensiva, e digo ben, defensiva, dos puntas do Sta. Comba, Iván e Pablo, porque, ademais de levar perigo arriba, descargaron aos mediocentros de moito traballo e pelexaron cada balón coma se fose o último, dándolle moito osíxeno ao equipo. E, como non, salientar a fe do gran capitán: “ao final falamos”. E vaia se falamos.
Esperemos facer bos estes 3 puntos o vindeiro domingo diante do Paradela.
———
Volver