Taboada CF 4 - SCD Santa Comba 1
21.02.2010 19:54Un Santa Comba indolente perde ante un Taboada moi práctico
Nova derrota do Sta. Comba no campo da Medela de Taboada diante dun dos aspirantes ó ascenso, cun resultado en contra demasiado abultado que non reflicte con exactitude o que sucedeu sobre o terreo de xogo, xa que o cadro de Tras do Novo acusou en exceso a ausencia do seu porteiro titular Óscar.
O equipo de Xaime saíu temeroso e impreciso nos primeiros minutos, pasando apuros e custándolle saír da súa área. Cando parecía que melloraba no seu xogo, un balón perdido no medio campo orixinou unha contra dos locais cun balón en profundidade sobre Mosqui, que lle colleu a espalda a defensa e superou de tiro raso a Mera, que chegou a tocar o balón. O Sta. Comba non acusou demasiado o gol e en varias accións rozou o empate, pero Joaquín, Manu e Iván non estiveron acertados. Cando se chegaba ó descanso, Mera non deu atallado un balón alto e cometeu un penalti, que transformou Mosqui no 2-0 e que deixaba o partido case visto para sentenza.
A segunda metade empezou como acabou a primeira. Outro balón que se lle solta a Mera e que só ten que empurrar Mosqui para anotar o terceiro do Taboada e da súa conta particular. O Sta. Comba, que xa tiña a Pelayo e Diego de refresco, púxolle garra e recurtou nunha falta de Rafa que Iván prolongou para que Diego empalmara a rede de Roi. O arxentino tivo outra boa ocasión pouco despois pero rematou desviado. Os locais pecharon a goleada cun tiro lonxano e maino de Poyán que Mera non foi quen de desviar pese ó previsible da súa traxectoria. Un apático Saúl López deu por rematado o encontro cando se organizou unha pequena tangana nunha xogada na que o Sta. Comba reclamou un penalti e Leandro recibíu, literalmente, unha patada no cu dun xogador local, o que encendeu os ánimos, os del e os do capitán, que querían ter unhas palabras co presunto agresor.
Rematados os enfrontamentos cos galos da categoría pasamos a competir na liga dos iguais. Imos poñer un punto e aparte co partido de hoxe, que tal como se desenvolveu debería ter un resultado moito máis axustado, pero as cousas son como son e todos, e digo todos, temos a nosa parte de responsabilidade.
Como punto final quero facer un comentario sobre o árbitro. Aínda que un os respecta e comprende a dificultade da súa tarefa, non queda máis que sinalar que é imposible arbitrar ben sen correr e sen seguir as xogadas de cerca. Para todo hai que ter a actitude correcta. Pitar a trinta metros non me parece axeitado.
———
Volver